martes, 10 de septiembre de 2019

Esmeraldina, a pequena defunta


O Hotel Fantastique está no medio do Salvaxe Oeste. Nas súas cociñas a pequena Esmeraldina é feliz, aprendendo todos os trucos culinarios da man da súa avoa A Tremenda, unha chef de sona mundial. A vida avanza entre pucheiros ata que un andazo de febre escarlatina acaba coa vida da nena. A noticia da súa morte corre como a pólvora entre os habitantes do alén, e empezan a chegar ao hotel defuntos de todas as procedencias, dispostos a instalarse. Esmeraldina necesita aprender a ser unha pantasma de verdade. Para iso contará coa axuda de Lady Horreur, unha peculiar araña francesa que se converterá na mellor mestra e amiga, e Nicotina, unha vaqueira que teima en levala ao seu novo fogar: o Alén Mundo. O Libro de Receitas da Tremenda acompaña esta historia de medo e humor macabro, converténdoa no petisco perfecto para degustar antes ou despois de ler Escarlatina, a cociñeira defunta.

Escarlatina, a cociñeira defunta


Benvidas e benvidos ao blog de lectura que empregaremos este ano na aula de galego para comentar aqueles aspectos que máis nos chamen a atención en relación aos libros que lemos e aconsellariamos ler a amigos e amigas.
Este ano, podemos comezar falando dun libro que coñecemos todos e todas, Escarlatina.

Lembraremos primeiro que nos contaba:

Como Román Casas quería ser un auténtico chef, pediulle aos seus pais un curso de cociña para o seu décimo aniversario, que coincide co Día de Defuntos, a festa dos mortos. E nese día tan especial recibiu un megasusto, un agasallo moi singular, un cadaleito acompañado dun sobre negro onde viñan as instrucións para activar a Escarlatina, unha cociñeira falecida no século XIX que nunca se separa de Lady Horreur, un arrepiante arañón con acento francés. A bordo do mortobús, os tres novos amigos e mais o gato Dodoto viaxarán ao Inframundo, onde os defuntos viven baixo as ordes de Amanito, o tirano que goberna no Alén coa axuda dos funguiños: os seus terroríficos esbirros. Unha ducia de moi gorentosas e larpeiras receitas, as máis sabedeiras do mundo dos vivos e dos mortos, dan paso a cada un dos bocados desta historia de humor macabro que estimula o apetito do lector e a curiosidade polo mundo da cociña.